Inicio | Novas | Opina | Asociación Virtual | Coia na rúa | Coia dixital | Cursos | Valedor veciñal |Rexuvenecendo o barrio
Festa Veciñal


Un punto de encontro dende o ano 1998. Esta asociación, programa a FESTA VECIÑAL para o deleite e confraternización da veciñanza de Coia.
Con esta festa, non só buscamos a confraternización do noso barrio, senón a consolidación dunha imaxe positiva e real do que é a vida actual en Coia.

Conciencia de barrio
É un camiño cara á verdadeira conciencia de barrio, cara á importancia da vida asociativa e de que a forza dunha entidade veciñal reside, unicamente en cada veciña e veciño: os que día a día imos á compra, xogamos nos parques... tódos os que nos preocupamos por acadar unha vida máis digna e de mellor calidade.
Unha festa veciñal que se celebra por quinto ano consecutivo, cun índice de participación alto, é unha festa que une a un barrio que busca e está a atopar as súas raíces.


Antes de San Xoan
Esta actividade lévase a cabo o día 22 de xuño,normalmente.. A partir das 16.00 h móntanse no popular "Campo Roxo" grellas para asar churrasco. Ademais organizaranse xogos cos rapaces do barrio e irase creando un ambiente festivo na zona.


Churrasco, chourizos.... e baile
Ó longo da tarde montaranse as grellas e persoal da asociación irá facendo o churrasco que máis tarde será retirado polos asistentes cos vales mercados con anterioridade na asociación. Ademais de churrasco tamén haberá empanada, pan e viño ou refrescos que se aboarán no momento. En todo intre, será o persoal da asociación o que se faga cargo do bo funcionamento do actividade.
A cea terá lugar nas mesas postas debaixo da carpa que se montará nesta cancha deportiva, sita entre as rúas Moaña e Bueu. Despois da cea a asociación convida a tódolos asistentes a café.
Despois de cear darase paso a unha gran festa-baile amenizada por un pincha discos. Así terán protagonismo tódolos sectores poboacionais do barrio.
Toda a veciñanza do barrio de Coia, de tódalas idades e sectores poboacionais.
Sen facer discriminación entre socios e non socios. Estímase unha participación de 2500 persoas.